Nacido en Sancti Spíritus, Cuba, iniciou os seus estudos de violín en Escola Provincial de Arte «Olga Alonso» de Santa Clara (Cuba). Foron os seus profesores Vladimir Morales, Valery Chebliakov e Oleg Drobvni. Continuou a súa formación na Escola Nacional de Música de Cidade da Habana con José Manuel Fernández. Licenciado en Música, especialidade de Violín, pola Universidade das Artes da Habana en 1991.
Dentro da súa traxectoria artística destaca a súa participación no Festival Mundial da Xuventude e os Estudantes (Cuba, 1978), os recitais por toda Cuba como integrante do conxunto de violíns da Escola Provincial de Arte «Olga Alonso» de Santa Clara. Tamén formou parte da orquestra de Cámara da Escola Nacional de Música no Primeiro Festival Nacional de Música de Cámara na cidade de Camagüey (1983); foi concertino da Orquestra de Cámara do Instituto Superior de Arte (1988-1990) e da Orquestra de Cámara da Habana «Brindis de Salas» (1991-93). Formou parte de Orquestra Sinfónica Xuvenil e da Orquestra de Cámara «Antonio Vivaldi» de Cumaná, Estado Sucre (1994), da Orquestra Sinfónica Nacional de Cuba (1996-98); e xa en España de Orquestra Sinfonieta de Vigo, a Orquestra Sinfónica Cidade de Pontevedra e a Compañía de Ópera «Bengala» (2002-2011).
Posúe unha ampla experiencia docente. Traballou como profesor de violín no Conservatorio Provincial de Música «Amadeo Roldán», (1991-98) e na Escola Vocacional de Música «Adolfo Guzmán» (1991-94) da Habana. Tamén deu clases de violín na Orquestra Xuvenil «Antonio José de Sucre» da cidade de Cumaná, Estado Sucre, e da Orquestra Xuvenil de Maturín, Estado Monagas, Venezuela (1994-95). Entre 2000-2007 foi profesor de Violín, Música de Cámara e Práctica de Conxunto na «Escola Profissional de Música de Viana do Castelo», Portugal. Dende o ano 2000 imparte clases de violín na Escola de Música Amadeus, de Vigo y así mesmo dende o ano 2011 na Escola de Música Berenguela, de Santiago de Compostela.
© 2023 berenguelamusica.com – Todolos dereitos reservados